Vigo, a historia do porto que non foi contada

A miña bisavoa María del Carmen (1903-1983), unha muller calquera cun nome do máis común. Filla dun emigrado nas Américas e unha galega viuva dun vivo. Da aldea, sen estudos nin apelido. Un dos poucos retratos da súa infancia, uns días antes da partida do seu pai cara Arxentina. Unha nena con rostro triste, ollos verdosos e cabelo escuro. A máis alta da comarca, hoxe os vellos din que son das Torrado cando ven o meu metro setenta e dous.

Delgada, pero non por moda senón por fame e miseria. Acostumada ao traballo duro do campo, o cheiro a vaca e os bultos para vender no mercado. Cando tiña vinte anos, quedou soa. Oficialmente, orfa de nai e pai. De Francisco nunca se soubo nada, un par de cartas o primeiro ano. O segredo quedou en Bos Aires, a Galiza non chegaron noticias. O seu irmán maior, xa casara.

1OXqte0aSFWbmTQ3pmg_thumb_2cea
1910. María, coa súa nai Pepa e o seu irmán Manuel. Unha copia do retrato que Francisco levou a Arxentina.

Ela tivo que servir. Foi traballar a Vigo, á casa dun dos seus tíos. Un home que con chanchullos na aldea, as típicas xogadas dun cacique e un par de contactos chegou a amasar unha boa cantidade de cartos. O que hoxe é o porto de Vigo, daquela era praia e un intento de balnearios ao estilo Santander. A casa de baños dicían os veciños, María diría que era o seu cárcere porque pasaba alí o día e a noite. Limpaba, facía os recados, obedecía sen protestar… o típico. Unha sirventa sen ningunha clase de dereito, que ademais debía estar agradecida polo teito que lle estaban a dar.

A súa mellor amiga era a outra criada. Unha amizade que durou toda a vida, sendo incluso a modista da voda da única filla de María. As dúas deixaron os riles no chan da casa de baños mentres a alta sociedade de Santander, Bilbao ou Madrid disfrutaba do poder curativo daquelas augas. Cando xuntaban unhas pesetas, tomaban unha gaseosa o domingo aproveitando a suposta misa á que estaban asistindo. Era a única maneira de que a señora consentise que marchasen as rapazas. Coñeceron máis mozos da súa idade. María tivo varios pretendientes, algúns con estudos e bo porte, mais ela non pensaba en cansar.

María coñeceu a cidade, mesmo a capital española cando a familia visitaba a casa de Fuenlabrada. Estaba sorprendida coa altura dos edificios, a ropa da xente e formas de vida ostentosas que para ela eran descoñecidas. Mudou a súa forma de vestir, o peiteado, o seu carácter…  incluso deixou o luto que mantiña por Pepa, a viuva dun vivo que morreu de pena. Na intimidade falaba galego, a súa lingua materna e con gheada, mais en público usaba o castrapo. Aló, en Madrid, veu o inicio da II República e o nerviosismo dos conservadores. Os señores quixeron voltar a Vigo permanentemente, onde poderían manter as cousas según o seu orde.

Foron moitos anos na cidade, até que deixou de servir naquela casa para ocuparse da súa. Casou  con trinta e tantos anos, cun home da aldea. Un primo lonxano como era típico. Un bo home que non sabía facer outra cousa máis que traballar. Labrego e electricista, co que estivo toda a vida.  Dos que non zoscaba, dos que gardaba o carné de militancia no falso fondo dun caixón, dos que non estudou pero aprendeu pola súa conta, dos que (xunto coa súa muller) levantou pedras até construir un fogar, dos que non pagaba o diezmo e era criticado, dos que non achantaba, dos que veu o exilio de preto, dos que pasaba por quirófano con noventa anos para chegar a ver a súa bizneta.

TnI3pX8yT7iwoU4%KCVqjw_thumb_2ce9
18 de agosto de 1939. Un permiso especial, similar a un visado, para poder circular pola provincia de Pontevedra sen presenza do seu marido. Necesario para ir á cidade desde a aldea.  Hai un erro no documento, tiña 36 anos.

Pasaron a guerra, a posguerra, a dictadura, a morte de Franco e o novo rexime. Coma outras, fixo moitos sacrificios e consolidou unha personalidade introvertida e forte. Dos seus tres fillos (dous homes e unha muller), enterrou os varóns. Xa non era a rapaza chea de medo que deixara a aldea, a base de disgustos e atropellos aprendeu a defender o seu. Sen formación formal, podía dar clases a moitos e moitas.

Non cheguei a coñecela en persoa, o seu corazón non chegou á década dos noventa, mais coñezo a súa vagaxe. Sempre fun de moitas preguntas. Dicía que ela xa cheirara a vaca por varias xeracións, que a súa filla e netas merecían un futuro. Aquela media analfabeta soltaba pola súa boca: ´´A modiño, que para casar sempre hai tempo e se non queres non pasa nada´´. Non entendía como funcionaba a televisión, como era posible que aqueles homes tan pequenos falasen tan alto, pero coñecía moito da vida e o difícil que era erguerse. Calada, pero non inxenua. A miña nai afirma que teño unha marca na lingua igual que ela, será unha parvada pero sempre me fixo especial ilusión. Sen dúbida, somos herdeiras de todas esas mulleres bravas.

PNhj+tWxSdCHKSl0bMpWoQ_thumb_2cec
Vigo, 1935

As anónimas que pasaron pola Historia sen pena nin gloria. Ignoradas e invisibilizadas. O saber popular esquecido. Ninguén escribiu sobre as nenas da aldea, o que pensaban ou desexaban. Non eran importantes. As historias previas ao porto de Vigo, un dos máis importantes de Europa, son irrelevantes. O que acontecía naquela época nas rúas do Berbés tampouco é interesante.

María foi silenciada, coma outras moitas.

Historias en galego…

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s