Ti falas galego? Eu si e quero contar por que

Este ano, a miña relación co galego cambiou. Decidín que habería momentos da miña vida nos que non deixaría de falar galego. E veño aquí para contar a miña historia e por que tomei esta decisión.

Como é vivir con dúas linguas?

Eu non falo moitos idiomas, pero as linguas sempre foron as materias que máis me gustaron e sinto unha conexión sentimental con elas. Coma a maioría da xente en Galicia hoxe en día, teño un nivel nativo de galego e de castelán. Aí comezaron as preguntas: falar galego ou castelán?

Toda a vida vin a miña capacidade e en xeral, de calquera persoa bilingüe, de cambiar dun idioma a outro de forma natural, ás veces totalmente inconsciente, coma unha habilidade en lugar de algo negativo.

Cantas veces cambiamos de galego a castelán? Viñeta de Luis Davila.

Doutra banda, naqueles momentos no que o cambio á outra lingua si o facía de forma consciente, había unha parte de min que o atopaba máis sinxelo que que varias persoas falásemos en linguas diferentes nunha mesma conversa.

Unha das bases para que o mundo no que vivimos continúe funcionando é que, seguindo as regras do “normal” e do “socialmente aceptado”, levemos a cabo accións coas que non estariamos racionalmente de acordo, xogando co noso completo ou parcial descoñecemento, de forma que non percibamos ese conflito.

A vida e o mundo resultan cada vez máis e máis complexos e cando por fin nos decatamos de algo novo, aparecen o medo, as dificultades que supón ir contra corrente ou mesmo a culpa por cambiar ou por resultar molesta.


E un día, decidín non deixar de falar galego

Sorprendentemente, foi a partir de levar a cabo o exercicio de permanecer falando en galego mesmo se me falaban en castelán cando gañei coñecemento e reflexionei máis en profundidade sobre as miñas propias sensacións no referente ao bilingüismo ou, nesta caso, á diglosia.

Nacer entre varias linguas, sempre é unha alegría. Viñeta de Luis Davila.

Anteriormente, á hora de cambiar de lingua, na parte de atrás da miña cabeza había unha motivación que ía incluso máis alá da comodidade: agradar. Evitar un posible elemento diferenciador coa interlocutor/a.

A diferencia de idioma mantida, semellábame coma unha pedriña na sandalia, pequena, pero imposible de esquecer, coma o “run run” dunha pequena molestia da cal eu era a causante.

  • Non pasar a falar castelán, convertíame en creadora dunha pequena diferenciación.
  • Non pasar a falar castelán, creaba incomodidade entre falantes, non mencionada nin descrita, mais que nalgúns casos parecía sentir no ambiente e noutros probablemente só existise na miña imaxinación.
  • Non pasar a falar castelán, semellaba que me negase a ser unha persoa cordial.

Por que sempre me tiña que adaptar eu?

Sentía máis amable cambiar. Máis educado e mesmo xeneroso, xa que a min, ademais, non me custaba nada. Era unha desas pequenas cousas que probablemente me alonxaba da posibilidade de ser percibida como unha muller repunante ou repelente. Adaptarme eu, como unha especie de sinal de concordia cara á outra persoa, que sen decatarme me daba a seguridade de sentirme vista como máis “razoable”, ”neutral” ou “aberta”.


Cando decidín falar só galego, que pasaba cando alguén usaba o castelán?

Nestes meses poñendo en práctica a miña pequena decisión consciente de non mudar de galego a castelán, tamén me decatei da diferencia entre a miña experiencia real e aquilo que tiña interiorizado que pasaba cando nos atopábamos dúas persoas falantes de galego e de castelán.

  • ➩ Na miña imaxinación, eu era simplemente máis rápida en cambiar. Non obstante, nestes meses as persoas castelán falantes tampouco fixeron o esforzo por cambiar ao galego a medida que eu continuei a falar nesta lingua.
  • ➩ Observando ao meu redor, tamén continuei a ver coma nestes ámbitos un pouco máis formais, bastante xente galegofalante ao meu redor deixaba de falar galego en canto  pasaba a un/ha profesional en recepcións, bares, no hospital….

No fondo, non é nada novo. No meu caso, tamén coñezo un número maior de xente galega que fale castelán sempre ou case sempre que que fale galego practicamente o 100% do tempo. 

Canta xente galegofalante pasa ao castelán en contextos máis formais?

Foi difícil falar máis galego?

Prestarlle de novo atención ao idioma e percibir e recordar todo isto fixo que, lonxe de disuadirme da miña decisión, esta se me fixese máis sinxela e levase mellor a miña incomodidade. Foi unha pequena motivación extra para tentar aumentar o meu nivel de consciencia sobre a lingua que falo e para tentar manter o galego ao longo da conversa.

En relativamente pouco tempo (tendo en conta os meses de confinamento) foi volvéndoseme máis natural para min non cambiar. Aínda que a día de hoxe continúo a empregar o castelán en diversos ámbitos da miña vida.

Se eres galega/o, seguro que escoitaches isto moitas veces. Viñeta de Luis Davila.

Esta experiencia fíxome recordar a diferencia entre que algo non che custe esforzo e que non che custe nada.

  • ➩ Sei o que é estranar falar galego.
  • ➩ Son filla e neta de galegofalantes e é a lingua que sinto como propia. Como miña, coa que me sinto máis unida emocionalmente. Sinto gran agarimo pola nosa cultura (o pouco que sei dela) e síntome galega a nivel de identidade.

Non vou deixar de falar galego…

Se renuncio á miña lingua en favor de outra de seguido, agora bato coa realidade de que non só perdo a oportunidade de seguir aprendendo, mellorando e disfrutando de practicar o meu idioma, senón que contribúo a que algo que para min é importante continúe a desaparecer.

⫸ A desaparición do galego, non é algo que vexa como algo responsable, como algo amable. Alégrome de loitar por iso, porque loita quen sabe que ten algo polo que loitar.


Dito isto, gustaríame aclarar que non pretendo xulgar a ninguén pola lingua que decida falar, pero si compartir a miña experiencia para animarvos a todas a reflexionar sobre a vós e falar máis galego.

  • Cal é/cal foi a vosa relación co noso idioma?
  • ➩ Mantívose estable ou foi evolucionando e cambiando coma a miña ao longo dos anos?

Autor: Julia Teijeiro

Resido en Compostela. Filla e neta de galegofalantes. Indecisa e anxous person por natureza. Sempre á procura de algo que non remato de identificar. Gústame o verán, os pexegos e as cores da herba e do mar nos días grises.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios .