Estamos fartas de ser asasinadas!

Vou tirar de retranca galega para falar dun tema moi serio:
Toc, toc…
– Si, quen é?
-Disculpe señor burócrata, somos nós, as mulleres. Temos que falar con vostede. Estamos sendo asasinadas!
-Ah, non, síntoo. Teño moito chollo. Volten outro día, non é algo tan urxente.

Compostela, outra vez máis, contra o machismo
Algúns din que a loita contra o patriarcado non é unha prioridade, o que pasa realmente é que non queren dicir que non hai vontade política…
57 días do 2017 e xa son catorce as asasinadas por mor do terrorismo machista
Estamos fartas.
-Fartas de chamar a portas, cun sorriso, e que nunca teñan tempo para nós.
-Fartas de falar con burócratas que non poñen atención. Media poboación mundial, non é cidadá de segunda.
-Fartas de cortar rúas, berrar que sufrimos a violencia machista e que a xente mire hacia outro lado.
-Fartas de que como moito poidamos sobrevivir, esquecéndonos de ser libres.
-Fartas de dar explicacións da roupa que levamos.
-Fartas das horas de espera nunha comisaría cando denunciamos, ante miradas de acusación.
-Fartas de chegar a xuízo e responder preguntas absurdas: vostede asegurouse de xuntar ben as pernas?
-Fartas de denunciar e que a xente diga: pois algo faría, ese home ten cara de bo rapaz.
-Fartas de que as leis de igualdade de xénero sexan un espellismo. Pois, as ordes de afastamento pódense incumprir mais non as custodias compartidas dos fillos e os rexímenes de visitas.
-Fartas de definir cada cinco minutos que é o Feminismo.
-Fartas de que os veciños escoiten berros e non metan o fociño, porque aquilo non vai con eles. Os trapos sucios lávanse na casa. Na violencia de xénero, tamén hai cómprices, claro que si.
-Fartas de que oito mulleres, dunha organización que loita contra o maltrato, estean en folga de fame e plantadas na Praza de Sol. Unha delas xa foi hospitalizada. Pero na televisión falan de fútbol.

Contra o patriarcado, Feminismo organizado
-Fartas de escoitar que as concentracións e as folgas non serven de nada. O certo é que non somos escoitadas polo goberno, non obstante, ergómonos do sofá e intentamos facer algo.
-Fartas de berrarlle aos medios de comunicación que estas mulleres non aparecen mortas, son asesinadas por iso mesmo, por ser mulleres. Son feminicidios.
-Fartas de ir a concentracións e saudar aos coñecidos e dicir: ´´ola, mágoa que non fai tanto tempo da última´´.
-Fartas de que a lista de asasinadas por mor do terrorismo machista, cada día sexa máis longa.

Praza de Cervantes
En menos dun mes, estiven en dúas concentracións contra a violencia machista. O 30 de xaneiro houbo unha en Compostela polo asasinato de Virginia no Carballiño. Desta volta, foi unha muller de Redondela, o seu nome era María José. A súa exparella, un mal chamado home, manipulou as bombonas e fixo voar a casa polos aires. Cumpriu a súa ameaza. Non foi casualidade nin estaba mal da cabeza, era un fillo do patriarcado. Outro máis.

Praza Cervantes.
Abonda xa de terrorismo machista, estamos fartas!
Nin unha menos!
Somos o berro das que xa non teñen voz!
Artículo en español: ¡estamos hartas de ser asesinadas!
Artigos de interese:
- Somos o berro das que xa non teñen voz
- Viaxo soa, non pido a berros que me violen
- Las valientes mujeres que regresan a sus casas por la noche